Thursday 25 de April de 2024

A Xunta somete a información pública a construcción de dous tramos da senda peonil das pedreiras, no concello de Oleiros


O proxecto, que contempla a construción dun itinerario peonil e ciclista de preto de 2,8 quilómetros e conta cun orzamento estimado en torno aos 800.000 euros

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, deu a coñecer o proxecto de construción de senda peonil e ciclista das Pedreiras nos tramos entre Montrove e As Pedreiras, e entre este lugar e O Carballo, que suporá unha inversión de preto de 800.000 euros na seguridade viaria e a calidade de vida dos veciños da zona.

O proxecto entrará na súa fase de de presentación de alegacións o vindeiro mércores, coa publicación no DOG do anuncio, co que se abrirá un prazo de trinta días hábiles para os interesados. O documento de expropiacións redactouse en base á información dispoñible no rexistro do catastro que contempla a afección de dúas ficas.

A actuación inclúe un tramo de senda peonil, Montrove-As Pedreiras, na marxe esquerda da estrada AC-174, de dous metros de anchura e unha lonxitude aproximada de 1.160 metros, de formigón coloreado e separada da calzada por unha franxa de 50 centímetros e borde. O outro tramo proxectado, entre O Carballo e As Pedreiras, tamén está proxectado sobre un ancho de dous metros nun tramo, neste caso, de uns 1.850 metros, cun separador verde de 50 centímetros e borde de formigón. Neste caso, ao executarse a senda nunha zona que atravesa un área de protección forestal decidiuse construíla en terreo estabilizado.

O delegado territorial na Coruña destacou que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a promover sendas útiles, sostibles e saudables para que os veciños se poidan empregar as estradas de xeito seguro e accesible, ao tempo que mellora a seguridade de todos os usuarios da vía. O Plan de Sendas de Galicia concreta a construción de 170 novos quilómetros de itinerarios peonís e para bicicletas. O Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, destinará este ano un total de 10,5 millóns de euros ao Plan, que xa dispón de 40 proxectos aprobados.

A exposición ao público realizarase na Axencia Galega de Infraestruturas (San Caetano, s/n, Santiago), no Servizo de Infraestruturas da Coruña (Edificio Administrativo da Xunta, rúa Vicente Ferrer, 2) ou no Concello de Oleiros (Praza de Galicia, 1).